Glosario

Antes de entrar de cheo no tema da discriminación salarial entre homes e mulleres convén definir claramente algúns termos que adoitan ser confundidos entre si e que levan a confusión, ademais de conceptos que fan referencia a situaciones que non sempre nos damos conta de que existen.


  • Sexo vs xénero
Convén ter claro que o sexo é un feito biolóxico definido polos atributos masculinos ou femininos cos que nace unha persoa. Sen embargo o xénero é unha construción social que atribúe a cada sexo unha serie de características, roles e funcións diferenciadas. O concepto de xénero é usado na análise social.

Poderiase dicir que o sexo é o "ser" e o xénero o "deber ser": unha normatividade social atribuída ao sexo biolóxico.
-Estudo sobre a situación sociolaboral da muller en Galicia. 2007, Xunta de Galicia - Consello Galego de Relacións Laborais


  • Roles e estereotipos
Os roles poden mudar co paso do tempo xa que son as tarefas e funcións que se asignan a homes e mulleres de forma diferenciada e diferencial. Pola súa banda, os estereotipos son a visión social que determinan cales son os comportamentos que se agardan de cada sexo. Definen tamén os comportamentos socialmente admitidos. Trátase polo tanto dunha concepción socialmente preestablecida acerca dunha persoa pola que algúns actos, tarefas, traballos... non son aceptados ou son mal vistos en función de se é home ou muller.

Influén fortemente no traballo, xa que á muller atribúeselle o estereotipo de "absentista" a causa do seu rol reproductivo e de coidado, mentres que o home é considerado "provedor" (o que facilita o seu acceso ao mercado de traballo).


  • División sexual do traballo
Socialmente, a cada sexo lle corresponde unha esfera. Os homes son considerados provedores e donos da esfera pública-productiva mentres que as mulleres son coidadoras e responsables da esfera privada-doméstica e reprodutiva. Esta división sexual remítenos a unha división da sociedade que está baseada nos principios do patriarcado (que define que a esfera masculina ostenta a titularidade da maior parte dos recursos).
Fonte: "Estudo sobre a situación sociolaboral da muller en Galicia" do Consello Galego de Relacións Laborais.
Clic na imaxe para ver en grande



  • Traballo de igual valor
Este termo está moi relacionado coa discriminación salarial, posto que esta está vinculada ,segundo Estudo sobre a situación sociolaboral da muller en Galicia do Consello Galego de Relacións Laborais, "a unha valoración diferencial, sexista e interesada, dos postos de traballo.

O Instituto da Muller español define o traballo de igual valor como o "desempeño por parte dunha muller dun traballo da mesma natureza, e que esixe similares condicións de prestación que o dun home, aínda que o traballo sexa diferente, caso no que deberá recibir o mesmo salario e as mesmas prestacións".



  • Desemprego oculto
A economista Cristina Carrasco propuxo este concepto para referirse ás persoas que non buscan emprego por razón familiares. Adoitan ser mulleres, xa que son as que se ocupan xeralmente do coidado de persoas dependentes. As persoas coidadoras teñen menos posibiliadades de incorporación, promoción e permanencia no mercado de traballo.

Nas estadísticas oficiais aparecen reflexadas como inactivas, pero a realidade é que, en moitos casos, de non ter que estar coidando a unha persoa dependente, pasarían a ser activas na busca de emprego.


  • Imposto reproductivo
As mulleres non acceden ao mercado laboral da mesma forma que os homes, o que non lles permite competir en igualdade de condicións. O seu acceso a este mercado está moi condicionado polo que a economista feminista Ingrid Palmer denominou "imposto reproductivo". Danse situacións nas que as mulleres vense na obriga de elixir entre a vida profesional e a familiar, outras nas que acceden á vida profesional pero de forma fragmentada (o que reduce as súas expectativas salariais e de promoción), e incluso podemos atopar situacións nas que é o mercado laboral quen as rexeita polos prexuízos asociados ao xénero.


  • Salario complementario
O modelo patriarcal da sociedade entende que o das mulleres é un "salario complementario" ao do marido na economía familiar. Consecuentemente, as mulleres adoitan atopar traballo a tempo parcial, dado que son vistas socialmente como reproductoras e coidadoras e que o salario principal é o do "cabeza de familia", representado polo home. 

Esta parcialidade dase no seu horario, salario e tamén nas posibilidades profesionais ás que pode acceder. Esta afirmación está corroborada por datos, posto que en 2004 (segundo datos de UGT) o 82,4% das persoas que traballaban ese ano a tempo parcial eran mulleres. 



  • Brecha salarial
A Oficina Estatística da Unión Europea (Eurostat) define a "Brecha salarial entre mulleres e homes" como a diferencia entre a ganancia por hora de homes e de mulleres asalariados. Calcúlase unicamente para os asalariados que traballan en unidades de 10 e máis traballadores e na ganancia hora inclúense os pagos por horas extraordinarias realizadas, pero exclúense as gratificacións extraordinarias.


No hay comentarios:

Publicar un comentario