O salario feminino

Segundo datos da Enquisa de Estrutura Salarial publicados en 2012, o salario promedio anual feminino español representa o 77,5% do masculino. Mentres os homes gañaron de media 25.479,74 euros en 2010, as mulleres quedáronse nos 19.735.22 euros. Independentemente da actividade económica realizada a muller sempre cobrou menos. Aínda así, a maioría das mulleres gaña menos desa cifra media (a metade das mulleres ten un salario inferior a 16.536 euros ao ano, segundo CCOO).


Fonte: Elaboración propia a partir de datos do INE
Clic na imaxe para ver en grande

Que as mulleres teñan un salario menor que os homes non é cousa dun ano. Como podemos ver na gráfica "Salario medio anual (en €)", esta situación é unha repetición do que pasou nos anos anteriores. O salario masculino e feminino aumentan á par, pero o da muller sempre por debaixo do do home. Podemos ver que cada ano as mulleres gañan de medio arredor duns 6.000 euros menos ao ano que os varóns. Tamén podemos ver que, pese ao aumento anual en ámbolos dous, o salario medio feminino en 2010 aínda é lixeramente inferior ao masculino do ano 2004. As mulleres gañaron en 2010 case tanto coma os homes seis anos antes.


A brecha salarial (ver: Glosario) aumentou entre 2009 e 2010 (últimos datos publicados no momento de realizar esta reportaxe) en 0,5%, ata situarse no actual 22,5%. En 2009 a diferencia entre os salarios medios de homes e mulleres era de 5.500 euros, fronte aos 5.744 euros actuais. Segundo informa CCOO en "Crisis y discriminación salarial de género", unha muller debe traballar de media 62 días máis ao ano para lograr a mesma retribución que un home por un traballo equiparable.


Fonte: INE (datos de 2010)
Clic na imaxe para ver en grande
Segundo o INE, o salario medio galego é de 20.241,99 euros en termos de salario bruto anual. Os varóns galegos cobraron, de media, 22.626,21 euros en 2010 mentres que as mulleres só chegaron aos 17.691,11 euros. Na seguinte táboa podemos consultar os salarios medios de cada Comunidade Autónoma.
Fonte: Elaboración propia a partir de datos do IGE
Clic na imaxe para ver en grande


Sen embargo, se analizamos os datos proporcionados polo Instituto Galego de Estadística sobre o salario medio anual galego, os datos son lixeiramente diferentes. O IGE indica que  o salario medio anual galego de 2010 foi de 19.113 euros. O do home chegou a 21.449 euros mentres o da muller quedou en 16.209 euros.

No seguinte gráfico podemos ver como evolucionaron o salario medio feminino e masculino en Galicia. Repítese o mesmo que no caso español, posto que as mulleres recibiron sempre de media unha contribución más baixa. En xeral, a diferencia entre os dous salarios ronda os 5.000 euros, unha cifra lixeiramente inferior á estatal.




  • Os motivos
Aínda que a lexislación pretende eliminar as desigualdades no ámbito laboral entre homes e mulleres, a realidade é outra. Os factores que propician a discriminación salarial por razón de sexo son varias (fonte: Estudo sobre a situación sociolaboral da muller en Galicia do Consello Galego de Relacións Laborais), como por exemplo:

-As descricións diferenciais dos postos de traballo.

-As comparacións con outras empresas con traballos feminizados e, por ende, infravalorados (os traballos feminizados adiotan ter unha retribución menor)

-O salario mínimo, xa que as mulleres se atopan en xeral nos niveis salariais inferiores dentro dos rangos salariais da empresa.

- Os métodos de suba salarial, asociados, por exemplo, á promoción profesional, á cal as mulleres atopan maiores dificultades en acceder que os seus compañeiros varóns.

-As crises económicas, que afectan en primeiro lugar aos sectores económicos máis feminizados. Nun segundo banzo, cando a crise afecta ao resto de sectores, as mulleres que traballan neles resultan afectadas antes que os varóns. 


Para que a media salarial feminina sexa inferior inflúe tamén a súa xornada laboral, posto que moitas mulleres traballan a tempo parcial ou cun contrato temporal o que reduce o salario medio feminino. Esta situación é debida maiotritariamente aos roles e estereotipos que lle son asignados, que propician que a muller quede na casa e coida a nenos e persoas dependentes.



  • Familia fronte a traballo
Se consultamos os datos do Instituto Galego de Estadística (IGE), podemos atopar cifras que corroboran a situación das mulleres que, en moitas ocasións, non traballan por coidar ós fillos.  En 2010, as persoas que non tiñan emprego ou que o tiñan a tempo parcial por facerse cargos de nenos ascendía a 35.050, das cales 33.760 eran mulleres.

Se nos centramos no número de persoas que colleron unha excedencia a tempo completo para coidar dos seus fillos, podemos ver que en 2010 esta cifra ascendeu a 5.090 persoas en Galicia, das cales tan só 520 foron homes.

Por outra banda (e tamén en 2010), a relación de mulleres que deixou o seu traballo despois do nacemento dalgún fillo foi de 14.560, fronte a 1.770 homes.

Estas cifras son unha clara demostración que pese ao avance da sociedade en materia de igual (en tódolos sensos), segue a prevalecer unha mentalidade patriarcal na que o lugar da muller é en casa cos fillos.


  • A parcialidade e temporalidade
No primeiro trimestre de 2013 o total de traballadores a tempo parcial en España ascendeu a 2.661.700 persoas, das cales 1.989.700 son mulleres e só 671.900 varóns, segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA).

Debido á visión patriarcal da sociedade, o salario da muller é considerado "complementario" (ver: Glosario), polo que o súa participación no mercado laboral adoita ser parcial en tódolos eidos: no salario, no horario e tamén no relativo ás posibilidades profesionais (as mulleres ascenden máis dificilmente que os homes, por exemplo).

Esta parcialidade (así como a temporalidade) é debida a que as mulleres son vistas como coidadoras e traballadoras no fogar. Non escollen un horario parcial por vontade ou por ter menos cualificación, senón que depende do momento do seu ciclo vital no que se atope. Vense forzadas a acceptar este tipo de xornada laboral polas obligacións familiares de coidado e tamén porque é o que se lles ofrece. No ano 2005 só un 8,15% dos contratos das mulleres galegas eran indefinidos.

Fonte: INE (datos de 2010)
Clic na imaxe para ver en grande
O tipo de xornada é unha das variables que determinan o nivel salarial. Cando chegamos a este punto en vez de comparar o salario anual é máis efectivo comprar os salarios como "prezo da man de obra", xa que os salarios a tempo completo corresponden a máis horas de traballo  que a tempo parcial. Como podemos comprobar na gráfica da dereita, o salario feminino  por hora atópase por debaixo da media independentemente do tipo de xornada, pero o dato que máis resalta é a grande diferencia no retribución por hora das mulleres en xornada a tempo parcial: -26,3%. Este dato é especialmente alarmante tendo en conta o gran cantidade de mulleres que traballan a tempo parcial.



  • O nivel de estudos
Poderíase pensar que as mulleres teñen un menor salario porque tamén teñen un nivel de estudios máis baixos, posto que tradicionalmente quenes accedían a estudios superiores eran maioritariamente homes. Pero non é así, xa que ao comparar traballadores con estudos de mesmo nivel decatámonos de que en cada nivel de estudios o salario feminino foi menor. En xeral as mulleres gañaron un 20% que os seus homólogos masculinos en cada nivel de estudos en 2010 segundo o Instituto Nacional de Estadística.


Fonte: "Estudo sobre a situación sociolaboral da muller en Galicia" 
do Consello Galego de Relacións Laborais (datos do CGRL a  decembro de 2005)
Clic na imaxe para ver en grande

Na seguinte táboa podemos ver o salario medio anual feminino e masculino galegos. Independentemente do nivel educativo, as mulleres gañaron sempre menos que os homes. A media sitúabase no momento de publicación deste datos (2005) nun 27,30%, chegando ata un máximo de 45,20% dos traballadores sen estudos.



No hay comentarios:

Publicar un comentario